O PP salienta o avance do proxecto da senda peonil e mellora da ponte de Valdriz tras finalizar o proceso de información pública

O presidente e portavoz popular, Santiago Cubillas, mantivo un encontro co delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, para a avaliar a situación dos principais investimentos previstos no municipio

70e4e5d248e1f865f46d355aeb7574fd.jpg

PP de Lugo | 2019-02-08

Láncara (Lugo), 8 febreiro, 2019.- O presidente e portavoz do PP de Láncara, Santiago Cubillas mantivo un encontro co delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, para a avaliar a situación dos principais investimentos previstos no municipio.

 

Cubillas quixo poñer en valor o avance no proxecto da senda peonil e ciclista e de mellora da ponte de Valdriz, tras confirmar o delegado a finalización do proceso de información pública iniciado a finais de 2018.

 

“Superado este trámite o seguinte paso será a licitación desta obra que conta cun investimento estimado que supera os 600.000 euros. Neste momento o proxecto está en supervisión polos servizos técnicos da Consellería de Infraestruturas”- explicou.

 

Cubillas explica que a intención do Goberno galego é realizar unha remodelación integral deste espazo, “moi demandada polos veciños da zona, e promovida a instancias do PP, que contribuirá a poñer en valor as inmediacións do río Neira e os accesos á urbanización de Valdriz”.

 

O proxecto inclúe a mellora do firme da actual estrada (LU-621), a construción dunha glorieta en substitución do cruce existente e a execución dunha senda de nova creación, de medio quilómetro de lonxitude, dirixida ao tráfico peonil e ciclista. Ademais está proxectada a ampliación da actual ponte fluvial para acoller esta nova vía.

 

O novo itinerario peonil e ciclista arrancará do punto no que rematan as beirarrúas da Pobra de San Xiao, terá dous metros de anchura e estará construída con formigón ata o encontro coa ponte. Para darlle continuidade, construirase unha pasarela sobre o río ampliando a plataforma do viaduto con lousa de formigón.

 

O proxecto inclúe tamén a mellora do trazado da actual estrada, incrementando o radio actual, o que mellorará as condicións de seguridade e comodidade para os usuarios, ademais do peralte e as condicións de adherencia da calzada grazas á renovación do firme. Finalmente tamén está previsto no proxecto obras de mellora da iluminación da senda, reforzo da sinalización horizontal e vertical, colocación de pasamáns e proteccións peonís, entre outras.

 

Reforma integral CPI Ramón Piñeiro

Por outra banda, no encontro tamén se confirmou que a Xunta ten rematado o proxecto técnico para a remodelación integral do CPI Ramón Piñeiro que reserva un investimento para esta obra que supera os 676.000 euros. Nestes días teñen lugar as mesas de contratación que determinarán a empresa encargada dos traballos.

 

A Consellería de Educación programou esta actuación de reforma integral e mellora da eficiencia enerxética deste colexio que implicará actuar sobre a fachada, carpintería de fiestras e portas, illamentos estruturais, pintado e renovación das aulas e distintas melloras no interior do centro. A idea é acometer estes traballos unha vez rematen as clases, durante o verán.

 

Cubillas agradece “o compromiso da Xunta co concello e a sensibilidade ás demandas formuladas desde o Partido Popular”, pois lembra que “tanto as iniciativas de mellora das estradas autonómicas executadas nos últimos anos e a futura senda peonil e ciclista de Valdriz, como a propia reforma integral do colexio foron propostas lideradas polos populares de Láncara”.