Os concellos da comarca de Sarria poderán realizar obras grazas ás achegas de preto de 108.000 euros por parte do Goberno de Feijóo

Son un total de catro as entidades locais que reciben esta inxección económica; o que “vén a demostrar o seu compromiso público e notorio coa nosa comarca”, destacan os populares

PP de Lugo | 2019-05-29

29, maio, 2019. Os populares da comarca de Sarria destacan que, grazas ás últimas axudas do Goberno de Feijóo, os Concellos realizarán obras por valor de preto de 108.000 euros. En total, son catro as entidades locais perceptoras desta inxección económica.

 

Unha vez publicadas estas liñas de subvencións -do Fondo de Compensación Ambiental, e de Infraestruturas, Dotacións, Instalacións e Equipamentos para Servizos Municipios-, os populares gaban a xestión do Executivo autonómico, pois “vén a demostrar o seu compromiso público e notorio coa nosa comarca”.

 

Deste xeito, Láncara, O Páramo, Paradela e Triacastela executarán actuacións relacionadas coa mellora de accesos a núcleos rurais e o acondicionamento de rutas de sendeirismo. Pero, tamén se beneficiarán de axudas para a adquisición dun vehículo 4x4 para esparexer sal e de apeiros para a roza.

 

Dado o esforzo inversor da administración autonómica, dende o PP poñen en valor “a colaboración da administración autonómica cos Concellos facendo chegar fondos públicos ás entidades locais, as máis próximas aos veciños e veciñas, que xestionan iniciativas en beneficio de todos e todas”.