Partido Popular de Lugo

“Os lucenses non queremos mendos, queremos feitos e que se nos trate igual que Santiago ou Vigo”, manifestan Barreiro e Olano

24, marzo, 2019. “Os lucenses non queremos mendos, queremos feitos e que se nos trate igual que Santiago ou Vigo”, manifestan os cabezas de lista ao Senado e ao Congreso, José Manuel Barreiro e Jaime de Olano, respectivamente, unha vez que se coñeceu que o Ministerio de Xustiza non confirma a creación do cuarto xulgado do social en Lugo, senón a dotación de persoal.

 

Para os populares, e logo dos datos publicados que poñen de relevo a necesidade de crear este órgano xudicial en Lugo con respecto a outras localidades galegas pola cantidade de traballo que soporta, o acordo da alcaldesa e a titular do departamento estatal non soluciona o verdadeiro problema e resposta á presión social e política das últimas semanas.

 

“Agora din que dotarán a Lugo da estrutura de persoal. O que están facendo é intentar saír do paso dignamente porque hai dúas eleccións polo medio. Pero a nós e, moito menos aos lucenses, isto non nos serve. O que pedimos e, cremos que é de xustiza, é a creación do xulgado, tal e como o Goberno anunciou para outras cidades. Lugo non é unha cidade nin unha provincia de segunda, Lugo e a provincia tamén son de primeira como Vigo ou Santiago”. “Pensar o contrario, engaden, “é marxinarnos unilateralmente”, sobre todo, indican, “cando a Xunta de Galicia ten vontade política e administrativa e recursos para cumprir coa súa competencia, que é financiar o 100% do persoal. O que ten que facer o Ministerio, por tanto, é crealo”, insisten.

 

“Lavado de cara” e conformismo de Méndez

Por este motivo, para os populares a reunión que a alcaldesa mantivo coa titular de Xustiza “tan só é un lavado de cara, co que pretenden disimular, primeiro, que os socialistas de Lugo non teñen moito peso en Madrid e, segundo, tratar de tapar unha marxinación que xa vimos nos propios Orzamentos e que xa explicamos moitas veces e os lucenses coñecen”.

 

A este respecto, critican que “a Sra. Méndez viaxase a Madrid para isto e se conforme só con isto”. “Non só é que conseguise pouco, é que está aceptando a intención do Goberno de non crear o xulgado”. Os populares consideran que “cando menos debería de haber logrado o mesmo que semella que acadou o seu compañeiro e alcalde de Vigo”.

 

Afrenta clara do PP

Con todo, tal e como manifestan, “a nós non nos serve”. Por iso, dende o PP, segundo apunta Barreiro, “seguiremos co plan definido”, e que xa iniciaron coa presentación dunha moción no Senado para demandar do Goberno a creación desta infraestrutura. “As Cortes están disoltas, pero en canto haxa novo Goberno nós seguiremos pedindo esta dotación para Lugo, pois pensamos que é xusto, lóxico e de sentido común. A nosa postura e afrenta está clara. Sen embargo, o PSOE navega intentando salvar os mobles”, conclúe.