Os populares advírtenlle a Campos que “é un Goberno en minoría”

A voceira popular, Elena Candia, explicou esta mañá en rolda de prensa o traballo realizado polo seu Grupo en torno á situación de Suplusa e sinalou ao presidente da Deputación como “responsable” da mesma

7d696bbd31dab48e0242ce21dd77a632.JPG

PP de Lugo | 2018-08-08

8, agosto, 2018. A voceira do Grupo Provincial Popular, Elena Candia, explicou esta mañá o traballo realizado polos populares en relación á situación que se está a dar na Sociedade Urbanística Provincial (Suplusa) e que constitúe “un intento de asedio por parte do Goberno da Deputación Provincial de Lugo”.

 

Os populares aseguraron que “non imos permitir que, aínda que outros se vaian de vacacións, se esquezan ou non se impliquen nas solucións dos problemas das institucións por intentar asediar ao presidente de Suplusa co que neste momento non se entenden. O presidente da Deputación non pode nin quebrar nin disolver Suplusa porque está en minoría. Precisa maioría absoluta para aprobar ese acordo”, puntualizou a voceira do PP.

 

Ante a situación de Suplusa, Candia afondou no agravante que supón esta “irresponsabilidade por parte do equipo de Goberno cos traballadores e empresas que teñen asinados contratos, incluso nalgúns casos co propio presidente, Darío Campos, para a construción de residencia tendo xa obras rematadas, certificacións feitas e facturas pendentes de pagar”.

 

A popular considera que “intentan afogar á institución provincial” empregando nas súas accións “ás familias dos 29 traballadores da sociedade pública que permaneceron 10 días sen cobrar a nómina do mes de xullo e outras empresas que están traballando para a institución”.

 

Responsabilidade” dos populares e “parálise” do Goberno provincial

O Grupo Provincial do Partido Popular, cando tivo coñecemento de que a interventora da Deputación que foi dende sempre a mesma que a de Suplusa presentara por rexistro a renuncia a seguir exercendo as súas funcións nesta sociedade, “dirixímonos á Deputación para que nomeara unha persoa que a substituíra”, indicou Candia. Isto é “totalmente posible” porque a institución provincial conta con persoal que pode desempeñar ese cargo; ademais de ser “totalmente coherente debido a que o orzamento de Suplusa ten que ser fiscalizado pola Deputación Provincial”.

 

A través dunha moción de urxencia o Grupo Popular levaba a Pleno a petición de dar solución urxente ao pagamento das nóminas dos traballadores de Suplusa coa que “15 deputados –os do propio Grupo Popular, nacionalistas e deputado non adscrito- lle dixeron claramente ao presidente da Deputación que se implicara na resolución do conflito substituíndo á persoa que deixaba de facer as tarefas de intervención”. A este respecto, a popular lamenta a resposta do presidente provincial que foi “tomar vacacións como recolle o BOP”.

 

Ante a convocatoria dunha sesión do Consello de Administración por parte do presidente de Suplusa, o Grupo Popular nun exercicio de “responsabilidade”, asiste á reunión “para buscar unha solución como foi o nomeamento accidental dunha persoa que reunira a perfil e as condicións profesionais para exercer as funcións de intervención de maneira provisional. Coa aceptación do encargo por parte desa persoa, xa se pagaron as nóminas na mañá de onte”, segundo indicou Elena Candia.

 

Candia apuntou que "este Grupo entende, con humildade e seriedade, que non é o responsable da situación”; xa que “salvo os catro meses que tivemos responsabilidade de Goberno, asistimos a tódalas reunións e defendemos as nosas posturas con coherencia dende o 2011. O que entendemos que se fai ben dicímolo e se hai cousas que hai que mellorar intentamos cambialas”. É máis, “defendemos a actividade de Suplusa a favor dos veciños da provincia seguindo as peticións dos alcaldes cando a presidía Besteiro coma Campos, coma no breve período que presidimos nós coma agora que a preside Martínez. De feito, a entidade ten un orzamento e un programa de actividades. Foi agora cando conseguiu o Permiso de Inicio de Actividade (PIA) para todas as residencias cando outros non o deron conseguido e se puxeron en marcha polígonos que levaban unha ducia de anos sen solución como é o caso do de Cospeito”, explicou Candia. Polo tanto, para os populares, “os responsables de todo isto son os membros do Goberno da Deputación Provincial de Lugo e, por extensión, o Partido Socialista”.

 

De feito, a voceira popular lamentou que “os problemas dos socialistas seguen bloqueando e dinamitando as institucións; xa sexa na Deputación Provincial ou en Suplusa, coa que teñen unha obsesión enfermiza”. En calquera caso, Candia indicou que “sempre é causa da falta de entendemento”; polo tanto, recomendoulles “deixar na porta das institucións os problemas dos partidos” e sinalou directamente a responsabilidade de Darío Campos como presidente da Deputación. “Foi o propio Campos o que proclamou, co seu voto, un novo presidente de Suplusa dentro deses acordos ocultos que eles mesmos recoñeceron que tiñan para este despropósito de mandato”, recordou.

 

Por conseguinte, a popular recoméndalle ao equipo de Goberno que “aparte os seus problemas internos e que goberne” porque “a menos dun ano para as eleccións municipais quedan moitos dos seus compromisos por executar”. De feito, a popular subliñou que “só se está facendo ben o Plan Único grazas a todos, porque non foi unha iniciativa do Goberno”.

 

Por outra banda, os representantes do Grupo Provincial do Partido Popular presentes na rolda de prensa transmitiron aos traballadores o seu agradecemento “por todo o que están sufrindo durante este mandato”; xa que “o pouco entendemento non se da só co deputado non adscrito senón que teñen que responder ante dous presidentes: o institucional e o secretario xeral do PSdeG-PSOE de Lugo que utiliza a Deputación para dar as boas novas e facer a súa propia campaña”.

 

Integración e disolución de Suplusa

En relación á proposta de integración e disolución de Suplusa, os populares poñen como exemplo “o caso da Fundación TIC que se iniciou en xuño do 2017, pero que non chegou a abordarse o inicio do acordo en Pleno ata xullo do 2018”. Polo tanto, “se esta era para o presidente unha posible solución ao pagamento das nóminas, debemos entender que pretendía que os traballadores de Suplusa estiveran un ano sen cobrar”, segundo expuxo Candia.

 

Así mesmo, o Grupo Provincial Popular defendeu que os procesos de “disolución e integración son longos e teñen que producirse simultaneamente e de xeito responsable”. Nese senso, avanzou Candia que “non estamos dispostos a disolver Suplusa sen que os traballadores e terceiros afectados saiban o que vai a pasar cos dereitos que teñan contraídos coa sociedade”.

 

A voceira popular recordou que “no pleno do pasado 31 de xullo expoñíamos no Pleno que o informe da integración da Fundación TIC recollía que o secretario obrigaría ás persoas que pretenderan integrarse a demostrar que pasaran un proceso sometido aos principios de méritos, capacidade e igualdade”. Nesa mesma liña, o Grupo Popular pregúntanse se ese requisito vai ser aplicable tamén a Suplusa e, polo tanto, se os 29 traballadores están en condicións de integrarse automaticamente”. A este respecto quixeron lembrar “a moitas persoas que están preparando ou prepararon con esforzo unha oposición a unha praza pública” porque “posiblemente non estean de acordo con esta integración”.

 

 

 

Os problemas resólvense dende as institucións”

Elena Candia cre que “é a nosa responsabilidade como deputados provinciais traballar na resolución de problemas”. Así, defendeu que “o problema de Suplusa onte resolvíase participando no Consello de Administración e non dando unha rolda de prensa diante a súa sede. Por iso quero lembrar ao BNG que, se continuara no Consello de Administración de Suplusa era determinante porque seríamos 5 dos 9; pero fuxiu”. Isto demostra que “o seu traballo son as pancartas na rúa, pero cando ten a posibilidade de corrixir o que está mal escapa e fai ruído dende fóra”. Polo tanto, Candia define de “cobarde” a súa postura que, ademais, “é unha indecencia política”.

 

Igualmente, “o PSOE cunha rolda de prensa no exterior non solucionaba o problema dos 29 traballadores que estaban sen cobrar dende había 10 días”, recriminou a voceira popular.

 

Así, “fomos os populares os que demos a cara por estes traballadores porque consideramos o seu salario unha liña vermella nesta confrontación política”, expuxo a voceira do Grupo Popular para rematar advertindo que “se temos que recorrer a procesos xudiciais para defender aos traballadores, farémolo”.