Partido Popular de Lugo

Os populares de Alfoz censuran que o Concello perdese a oportunidade de ofrecer un obradoiro de emprego

7, setembro, 2018. O PP de Alfoz lamenta profundamente o “desinterese” do Goberno local pola situación das persoas do municipio que se atopan no paro. Os populares censuran así que o Concello non tivese solicitado á Xunta un obradoiro de emprego e, polo tanto, “perdese a oportunidade de ofrecer formación e un contrato laboral durante como mínimo 9 meses a persoas en situación de desemprego, desaproveitando un programa promovido pola Xunta e que este ano concedeu o 100% dos obradoiros solicitados”.

 

O Partido Popular local cre que “isto supón unha decepción para os posibles beneficiarios destes programas”. No caso do Concello de Alfoz, segundo explican os populares, “poderíase ter cursado unha solicitude conxunta con outros dous concellos limítrofes que beneficiaría a unha vintena de persoas no paro”; xa que “as únicas condicións establecidas na convocatoria son as de que o Concello conte cun total de persoas desempregadas superior ás 500 ou que se asocien tres concellos limítrofes para a súa solicitude”.

 

Os populares de Alfoz consideran que “é moi grave que unha entidade local perda unha axuda da Xunta polo simple feito de non tela solicitado cando é a administración autonómica a que sufraga integramente o custe deste tipo de programas”.

 

Explicacións aos veciños

Dende o PP de Alfoz inciden no “prexuízo” que supón para as persoas no paro esta falta de interese do Goberno local polas políticas de emprego e cren que “o alcalde debería dar explicacións aos veciños e veciñas”.

 

Igualmente, o Partido Popular local recorda que “tamén se perdeu unha oportunidade para mellorar distintos espazos ou servizos municipais”.