Os populares de Burela acusan ao alcalde de “ter o cemiterio municipal nun estado lamentable nestas datas”

PP de Lugo | 2018-11-05

Burela, a 5 de novembro de 2018.- O Grupo Municipal Popular de Burela acusa ao alcalde, Alfredo Llano, e ao concelleiro de Obras e Servizos, Ramiro Fernández, de “non ter nas condicións debidas o cemiterio municipal durante esta festividade de Todos os Santos e Defuntos”.

Os populares aseguran que “non foron nin dous nin tres os veciños que se nos queixaron de que o cemiterio municipal estivo estes días moi desatendido, con moita suciedade, falla de desbroces e retirada de herbas, problemas coa auga… Mesmo os veciños comentaron a enorme diferenza existente entre o cemiterio parroquial, que sempre está moi ben atendido, e o municipal, que precisamente nestas datas presentou un aspecto lamentable”.

Desde o Grupo Municipal Popular consideran que “o alcalde e o concelleiro de Obras están a outras cousas e non lles importa nin o máis mínimo que a xente que vai ao cemiterio municipal visitar aos seus familiares ou amigos falecidos se atope o recinto cun aspecto manifestamente mellorable. Iso débese á falla de previsións do alcalde o do concelleiro de Obras, xa que o mantemento o fai o Concello e, máis aínda por estas datas, debería terse un coidado especial”.

Web municipal

Os edís populares aseguran tamén que “o alcalde non ten nin idea de como están as cousas no Concello dado que hai quince días denunciamos que a web oficial do concello, www.burela.org, estaba sen actualizar no apartado de ‘corporación’ dende hai un ano e, a día de hoxe, aínda non foi modificada. Isto demostra que Llano aínda non se enterou e que está no Concello para cobrar, estar de fotos e de festa e que o demais non lle importa demasiado”.

Para os populares, “o feito de que esa parte da web estea sen actualizar dende hai un ano, logo do triste falecemento dun concelleiro e a súa substitución, amosa moi mal gusto e ausencia de respecto. Se o alcalde non ten o debido respecto cos seus propios compañeiros, non pode ter ningún respecto pola cidadanía”.

Desde o Grupo Municipal Popular afirman que “se esta nefasta conducta de Llano á fronte do Concello se reducise a estas dúas cuestións, daríamonos por satisfeitos; pero, o certo é que se estende a todos os seus ámbitos de actuación. Llano é a vagancia e o desdén personificados”.