Os populares lamentan que “o Goberno local do PSOE se mostre en contra de propostas beneficiosas para Viveiro” despois de “rexeitar unha moción para limpar a praia de Covas”

O Grupo Municipal do PP de Viveiro lamentou en rolda de prensa que os distintos grupos municipais votaran en contra, excepto Son Viveiro ao que lle agradecen “a sensibilidade amosada” coa moción presentada polos populares e que recollía “unha demanda dos nosos veciños e veciñas”

5d60dfe20f06bafbe1ff4cd1cc44dbe1.jpeg

PP de Lugo | 2019-08-06

6, agosto, 2019. Os populares de Viveiro critican que o Goberno local do PSOE votase en contra da moción coa que solicitabamos a limpeza e recuperación da praia de Covas na pasada sesión plenaria. “Trátase dunha demanda dos nosos veciños e veciñas que vemos as deplorables condicións nas que se atopa o areal inutilizado en boa parte por mor da vexetación que medra de xeito incontrolado e da acumulación de lixo. Se non se actúa pronto teremos unha selva e non un areal”, explicou en rolda de prensa o voceiro do PP, Óscar Rodríguez, xunto aos concelleiros José Manuel Soto e Inma Nespereira.

 

Lamentando o voto en contra ou a abstención dos distintos grupos municipais, excepto Son Viveiro – ao que lle agradecen “a sensibilidade amosada co seu apoio á nosa proposta”- e os propios populares, dende o Grupo Municipal do Partido Popular de Viveiro anuncian que “votaremos sempre a favor das propostas ou iniciativas que sexan interesantes e beneficien a Viveiro independentemente de quen as presente ou defenda nas sesións plenarias da Corporación viveirense”.

 

Os populares explicaron que lles preocupa “a salubridade da praia e, polo tanto, pola seguridade dos seus usuarios e usuarias” e aclararon que “a praia de Covas esténdese máis alá da zona urbana, concretamente, ata o dique” e, polo tanto, “realizar a limpeza na súa totalidade suporía ter actuado ata ese punto”.

 

Espazo natural con repercusión no ámbito socio-económico

Dende o Partido Popular de Viveiro lembran que a Praia de Covas ata fai varios anos foi un dos espazos naturais de referencia de toda a cornixa Cantábrica e un gran reclamo para os numerosos visitantes que sobre todo en época estival se achegan á comarca. “Este areal ten unha repercusión moi importante no ámbito socio-económico do municipio” e, consecuentemente, reclamabámoslle ao Goberno local que “asumise a súa responsabilidade nas tarefas de limpeza e acondicionamento. Pero tamén que se sumase ás esixencias que correspondan pedir a outras administracións, se fose o caso, porque dende o Goberno galego non se van negar sempre que os labores garantan o respecto ao medio ambiente”.

 

Os populares propoñían realizar as dilixencias necesarias para acadar unha total adecuación “deste paraíso natural” incluíndo “os labores de limpeza, desinfección, recollida selectiva de residuos a pé de praia, eliminación das herbas que invaden o areal conservando as dunas no seu estado natural”.