O PP de Burela advirte que o alcalde e o BNG aprobaron a entrega de 30.000 euros a unha empresa sen contar con toda a documentación para facelo

608c7cdb3e5ecd93990ae31605f045c1.jpg

PP de Lugo | 2020-07-31

No pleno ordinario celebrado na tarde de onte o alcalde e o BNG aprobaron a entrega de 30.000 euros a unha empresa se contar con toda a documentación para facelo. Trátase da empresa Geseco, a anterior concesionaria do servizo de recollida do lixo e limpeza viaria, e a cantidade indicada que se lle entregou era a referida a un aval que depositara no seu día para garantir o cumprimento do propio contrato e das súas melloras.

Dende o Grupo Municipal do PP consideran que “na sesión de onte comprobouse como as irregularidades administrativas son unha constante no actual goberno burelés, avaladas, unha vez máis, pola inestimable colaboración na votación dos nacionalistas que tamén votaron a favor”. “Parece que o BNG só se apoia nos informes técnicos cando o seu sentido do voto pode favorecer ao PSOE”, manifesta Manuel Rouco.

Os populares téñeno claro. “Só hai que ler o único informe que figura no expediente, o de tesourería, que é moi clarificador. Tanto no seu punto terceiro como na súa conclusión indica que é necesario que se fagan constar as actas de recepción dos contratos polos técnicos competentes, ou que no seu caso, se fagan constar as responsabilidades a que poden dar lugar”, afirman, ao tempo que remarcan que “non só non existe nada disto no expediente se non que, coa votación favorable de onte, tanto o PSOE como o BNG, incumpriron coa cláusula vixésimo quinta do Prego de Prescricións Administrativas Particulares que o propio Llano asinara no seu día”. Precisamente, neste documento especifícase claramente que dentro do prazo de 15 días anteriores á finalización do prazo de garantía a Dirección facultativa, a instancias da persoa responsable do contrato, redactará un informe sobre o estado de execución do servizo para ver se procede a entrega total ou parcial da garantía, é dicir, dos 30.000 euros. “Nada disto se cumpriu”, afirman dende o GMP.

Dende as filas populares fanse varias preguntas, “como é posible que, sen ter toda a documentación que se precisa, se lle faga entrega de 30.000 euros a unha empresa por puro altruísmo. Estes cartos ben poderían servir agora para axudar ás familias e autónomos da nosa vila, que forma de defender os intereses da veciñanza é esta”, indican.

E é que o GMP non se opuxo á entrega destes cartos, sempre e cando figure a documentación que acredite dita devolución, pero este non é o caso-

Mentiras do alcalde aos comerciantes de Burela

Por outra banda, o socialista afirmou, ante a pregunta efectuada polo GMP, que as axudas para os comerciantes de Burela se ían cifrar en 125.000 euros, cando na comisión informativa do pasado luns indicou que ían ser 115.000 euros. “O certo é que o Sr. Llano, para incrementar a cifra e parecer que vai a axuntar unha contía maior, está a aumentar esta cos 10.000 euros que xa lle está a entregar á ACIA de Burela polo acordo que ten esta co Concello”, confirman dende o PP.

A cifra indicada polo rexedor vai a menos conforme pasa o tempo, “primeiro ía ser todo o que fixera falta do Plan Único, despois ía ser todo o que houbera do superávit municipal, máis tarde ían ser 120.000 euros, e agora parece, que van a ser 115.000 euros, e dicimos parece porque co Sr. Llano nunca se sabe”, conclúen os populares.