O PP de Monforte solicita un pleno extraordinario para instar ao Goberno ao restablecemento dos servizos ferroviarios no sur da provincia

PP de Lugo | 2020-08-07

O Grupo Municipal do PP de Monforte solicita un pleno extraordinario para debater sobre o restablecemento do servizo ferroviarios na zona sur da provincia de Lugo que foron reducidos tomando a pandemia como escusa despois de que “o alcalde rexeitara considerar urxente a moción presentada polo PP o 22 de xullo contra a perda de servizos ferroviarios para o pleno do 27 dese mesmo mes”.

 

A portavoz popular, Katy Varela, di que “agardar ata o pleno de finais do mes de setembro sería un erro porque serían irreversibles os prexuízos ao turismo de Monforte e de todo o sur da provincia de Lugo. Unha vez restablecida a nova normalidade e en plena época estival a estación monfortina só conta co 20% das liñas operativas”.

 

Varela insiste en denunciar, a este respecto, o “desinterese” que demostra o alcalde, o socialista José Tomé, por defender os servizos de transporte público de calidade para os nosos veciños e visitantes. É máis, “é cómplice do agravio e a discriminación á que o Goberno central somete ao sur da provincia en materia ferroviaria” ao consentir “o deterioro e a merma dos servizos”. A popular explica que “a supresión de 22 liñas que afectan directamente a Monforte -do total das 29 suprimidas por Renfe en Galicia- supón graves prexuízos para a economía local. A situación xerada pola covid-19 non pode ser empregada polo Goberno presidido por Sánchez como escusa para eliminar servizos ferroviarios”, engade.

 

“O que lle reclamamos ao rexedor, como representante dos monfortinos, é a súa implicación na defensa destes servizos”; pero “está claro que frear o desmantelamento do ferrocarril, con todo o que supón para esta cidade e para a provincia, non é un asunto prioritario para Tomé. E vendo o seu rexeitamento a abordar esta moción no pleno de xullo vímonos na obriga de solicitar un pleno con carácter extraordinario”.

 

A solicitude require o respaldo da cuarta parte dos concelleiros da corporación e, para iso, conta tamén co apoio do concelleiro de Esperta Monforte, Germán Vázquez. Do mesmo xeito que no anterior pleno extraordinario celebrado na cidade do Cabe instado por Esperta Monforte co apoio dos populares, tamén pedirán que non sexa retribuída a asistencia dos edís para “aforrar costas ás arcas municipais e, polo tanto, a tódolos monfortinos”.

 

Proposta popular en defensa dos servizos ferroviarios en Monforte

Un dos obxectivos da proposta popular sobre o ferrocarril é, por un lado, demandar o restablecemento inmediato de todos os servizos de tren que foron suprimidos, nomeadamente, a restitución e mesmo ampliación de frecuencias entre Lugo-Monforte-Ourense e con outros puntos de España como Madrid e Barcelona, entre outros. Na mesma moción solicítase o incremento do cadro de persoal de maquinistas e dotar do persoal necesario os servizos ferroviarios que se prestan nestas liñas co obxectivo de ofrecer un transporte de tren de calidade aos usuarios.

 

A portavoz popular recorda que a moción presentada polo seu grupo intenta conseguir que o Concello de Monforte, en pleno, exprese a súa rotunda esixencia ao Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana para que non utilice a situación derivada da covid-19 como escusa para incidir na discriminación ferroviaria que padece a nosa Comunidade, en xeral, e en especial, a zona sur da provincia de Lugo.

 

Os populares consideran imprescindible retomar o compromiso adquirido polo Goberno de Mariano Rajoy, sendo ministro Íñigo de la Serna, para a modernización da liña entre Lugo e Ourense que achegue aos cidadáns da provincia ás vantaxes da alta velocidade. A tal efecto, é preciso recuperar a programación de actuacións e o cronograma que deixou encamiñado o Goberno do Partido Popular para a modernización e redución dos tempos de viaxe, coa axilización da execución das variantes de Canabal e Oural e a electrificación e mellora das vías.