O PP di que o orzamento de Viveiro para este ano, que baixa case un millón con respecto ao anterior, “chega tarde, é moi pobre e reflicte a incapacidade de xestión do goberno local”

2e7529f60754ed49e46b2c245df8ea93.jpg

PP de Lugo | 2021-04-05

O orzamento anual é o documento máis importante que aproba o pleno municipal en cada exercicio. Unha vez máis, o goberno local, presidido pola socialista María Loureiro, chega tarde e mal no que as grandes contas se refire, o mesmo que pasa noutros moitos asuntos municipais. Chega tarde, explica o portavoz popular, Óscar Rodríguez, porque o orzamento municipal debeu ser aprobado en decembro, para que entrara en vigor nas primeiros días de xaneiro. E non é así. E chega mal, porque, en opinión dos populares, son unhas grandes contas nas que se aprecia falta de traballo, de imaxinación e de proxecto para Viveiro. Co proxecto orzamentario que maña aprobará o goberno, sen contar co apoio do PP, non hai partidas que permitan impulsar as intervencións urbanísticas que precisa a cidade, nin apoio á xeración de emprego e moito menos capacidade para o desenvolvemento de políticas sociais activas, tan necesarias nun tempo de crise como o actual.

 

O portavoz popular, Óscar Rodríguez, indica que o proxecto de orzamento xeral do concello baixa, con respecto ao do ano pasado, en case un millón, de maneira que pasa de 14 a pouco máis de 13 millóns, dos que só 241.808 euros corresponden a inversións reais. “Mal empezamos xa no total, porque é evidente que a crise económica xerada pola pandemia de covid-19 esixe unha implicación municipal con todos os recursos dispoñibles”, di Rodríguez. E engade: “Cando os recursos esperados quedan moi por debaixo das necesidades reais, os gobernos teñen que moverse e xestionar maior apoio das demais administracións. E se non o fan, como ocorre en Viveiro, non merecen a confianza dos administrados”.

 

Da pobreza das grandes contas deseñadas por Loureiro e o seu equipo para o presente exercicio económico dan idea algúns datos: para apoio aos migrantes, en 2019 había 87.000 euros; no proxecto para este ano, 3.000 euros. Para “outros servizos complementarios” de Educación, no 2019, consignáronse 115.000 euros, mentres que para o ano en curso non hai nada; para orientación laboral, no 2019, o Concello de Viveiro reservou 38.000 euros, que se quedan en 100 euros para este ano. En Igualdade pasouse de 65.600 euros no 2019 a 11.150 neste proxecto orzamentario. Para axudas ao pequeno comercio, aos autónomos, etcétera, no 2020 había 400.000 euros; no actual, só 200.000. Rodríguez di que “o goberno de María Loureiro vai ter moi difícil explicar aos cidadáns o porque dunhas grandes contas que chegan tarde e tan mal”.

 

Os concelleiros populares lamentan que a falta de interese do goberno local por xerar investimentos no municipio quede tan patente neste proxecto de grandes contas. Óscar Rodríguez destaca así a falta de partidas suficientes para estimular, xunto con outras administracións, a rehabilitación dos casco histórico, que debería de ser a xoia máis prezada do Concello. Sinala: “A desidia do goberno municipal, ben reflectida neste proxecto orzamentario, propicia que cada día sexan máis os edificios en estado deplorable no casco histórico, e consecuentemente, que cada día estea menos habitado”. En resumo, di Rodríguez, “o proxecto orzamentario chega tarde, é pobre, inadecuado para a realidade de Viveiro e pon de manifesto a falta de xestión do goberno municipal”.