O PP, en resposta á petición dos veciños de Cervantes, pide á Deputación que retome o proxecto de ensanchamento da estrada que vai de Doiras a Piornedo

f3c218f3988ca32ff408be2e1625a00c.jpg

PP de Lugo | 2020-09-14

O Grupo Provincial do Partido Popular solicita á Deputación que retome o proxecto de ensanchamento da estrada LU-P 1401 que vai de Doiras a Piornedo -concretamente dende cruce Santa Marta, pasando por Campa da Braña, ata o lugar das Pallozas- e que foi paralizado polos socialistas dende que chegaron ao goberno da Deputación.

 

O voceiro desta formación, Javier Castiñeira, acompañado do seu homólogo no Concello de Cervantes, Javier Santín, comprobou in situ a cativa anchura que ten este vial. Precisamente, esta última cuestión é a cuestión que máis demandan os cidadáns da zona, que consideran que non ten as dimensións necesarias para circular por ela con certas garantías de seguridade. A isto hai que engadir as curvas sinuosas e sen desbrozar, ademais do firme deteriorado. Todo elo, dificulta, manifestan os populares, o acceso rodado e aumenta a probabilidade de accidentes.

 

Esta vía dá acceso a Piornedo -unha das zonas turísticas máis importantes non só deste municipio, senón tamén da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá-. Por iso, dende o PP solicitan ao organismo provincial “unha actuación de envergadura para esta estrada”, pois as deficiencias que presenta provocan que os turistas se vexan na obriga de empregar rutas alternativas para chegar ao núcleo de Piornedo, como é a LU-P 3505 que comunica este lugar pola zona de Navia de Suarna.

 

Trátase, di Castiñeira, de garantir a seguridade dos usuarios e que o seu estado non lastre tamén a imaxe desta contorna caracterizada pola súa riqueza paisaxística e medioambiental. E é que o conxunto etnográfico do Piornedo, situado a 1.300 metros de altitude, tamén conta coa distinción de Ben de Interese Cultural (BIC).

 

 

Empeoramento co inverno

Os populares trasladan así ao presidente da Deputación esta necesidade en aras de anticiparse ás complicacións que poidan ocasionarse na mesma durante os meses de inverno. Proba delo é que esta estrada atópase cortada a cotío cando neva ou xea, sendo unha das máis afectadas cando se producen fenómenos meteorolóxicos adversos.

 

“Pedimos ao goberno que nos escoite, que atenda esta petición que non é outra cousa que o que demandan os veciños da zona. É un dos accesos máis importantes do municipio e por iso tamén esixe unha actuación urxente. A Deputación, como administración titular da mesma, debe iniciar os trámites que sexan necesarios para a súa mellora, xa que do que se trata é de evitar accidentes ou outro tipo de sinistros que se poidan ocasionar por mor do seu estado”, conclúe Castiñeira.

 

O alcalde tamén que actuar

Pola súa banda, Javier Santín, agradece a colaboración dos compañeiros de partido na institución luguesa, pois “esta é unha demanda reiterada dos veciños”. Neste senso, o voceiro cervantego agarda que a Deputación “non mire para outro lado” e tamén lle pide ao alcalde “que faga forza e presione para que se escoite a petición do PP”.