O PP esixe á Deputación que solucione as deficiencias de eliminación das augas residuais da cafetería do embarcadoiro de Ponte do Sil, tramite a súa concesión e reabra o servizo

7425adfbd190757ddb9d4b0766de4a6b.jpg

PP de Lugo | 2020-10-15

O grupo municipal do PP de Monforte esixe á Deputación que a maior brevidade posible solucione os problemas de eliminación das augas residuais da cafetería do embarcadoiro de Ponte do Sil (antes de Doade), no concello de Monforte, e faga os trámites necesarios para poñela de novo en servizo. O entorno destas instalacións ofrece a día de hoxe unha triste imaxe de abandono, cos contedores de lixo a rebordar e con lixo amoreado no seu entorno, que están a vista dos visitantes que recorren o río nos catamaráns.

A portavoz do PP en Monforte, Katy Varela, sinala: “Á vista das queixas que nos chegaron, visitamos o embarcadoiro que antes se dicía de Doade e agora  se denomina Ponte do Sil. Comprobamos o estado de abandono ao que ten  sometido o presidente da Deputación, José Tomé, alcalde de Monforte. Isto é a mostra do pouco interese que ten o presidente da Deputación e alcalde de Monforte, no fomento do turismo, porque este embarcadoiro é moi utilizado polos visitantes; non se pode tolerar que os contedores estean sen baleirar e o lixo estea amoreado no chan”

Varela explica: “Actualmente non hai servizo de cafetería, por un problema de vertidos residuais ao río. Polo menos ese foi o argumento utilizado pola deputación para non conceder a prórroga solicitada por quen tiña a concesión da explotación desta cafetería. O caso é que pasaron os meses e nin se arranxou o problema dos vertidos e a concesión segue sen tramitarse”.

A portavoz popular foi testemuña mentres estivo no embarcadoiro da chegada dun catamarán repleto de viaxeiros. “O turismo é de gran importancia para a nosa comarca e non se pode ter un servizo coma este no estado en que o mantén a Deputación. Levamos un ano coa cafetería pechada, un servizo que era atendido de maneira moi dilixente polos encargados da concesión”.

Os populares anuncian que insistirán no Concello de Monforte e na Deputación na reclamación de medidas para corrixir o problema dos vertidos e a inmediata tramitación da concesión da cafetería.

Varela di: “Esta é unha mostra máis da nefasta xestión da Deputación dos seus recursos en todo o que ten que ver con turismo fluvial. O portavoz provincial do PP, Javier Castiñeira, xa denunciou que tamén están pechados os clubs náuticos de Portomarín, Augas Mestas (Quiroga) e Belesar Presa (Chantada); un desastre en concreto para un territorio, a Ribeira Sacra, que aspira a ser declarada Patrimonio da Humanidade e que necesita aproveitar todos os recursos dos que dispón para atraer visitantes”.