O PP reclama avances nas variantes ferroviarias previstas na mellora da liña Lugo-Ourense, e que suporían unha rebaixa de ata 23 minutos na viaxe

6c71aa7f5f568c5858e6aa626e5d2d35.jpeg

PP de Lugo | 2021-02-22

Os deputados populares polas provincias de Lugo e Ourense, Jaime De Olano e Joaquín García Díez, Celso Delgado e Ana Vázquez, respectivamente, rexistraron no Congreso unha proposición non de lei na que reclaman ao Goberno central un “decidido impulso” ás melloras previstas na liña ferroviaria entre Lugo e Ourense, licitando e adxudicando as actuacións pendentes e avanzando na tramitación administrativa das variantes de Rubián (Bóveda) e Os Peares-Canabal, “confirmando a súa execución e concretando un cronograma críble para a súa posta en servizo”.

 

Estas variantes implicarían unha redución de ata 23 minutos no percorrido dos 117 quilómetros que separan ambas as dúas capitais, ademais de posibilitar que os cidadáns lucenses aproveitasen a conexión do AVE en Ourense e viaxaran ata Madrid en pouco máis de tres horas e cuarto.

 

A iniciativa parlamentaria, que se poderá debater na Comisión de Transportes, parte da “fundada preocupación que temos de que o Executivo central abandone ou aprace sen data definida a execución das dúas variantes”, sinalan os deputados lucenses, “o que estamos a ver na recente resposta evasiva e sen concreción do ministerio ás catro preguntas formuladas sobre o momento administrativo destes proxectos e as datas que manexa para a súa licitación, na que se nos di que a incorporación dunha nova liña ou tramo á rede ferroviaria de interese xeral require a aprobación dun estudo informativo”.

 

Lembran os populares que a mellora da conexión ferroviaria entre Ourense, Monforte de Lemos e Lugo, foi presentada en maio de 2018 polo entón ministro de Fomento Íñigo de la Serna, explicando as actuacións que xa se estaban levando a cabo e os programadas para mellorar substancialmente esa liña. Así, en infraestruturas, expuxera a adecuación e reforzo das pontes, a definición do resto das estruturas, a análise dos túneles existentes para a intervención na súa adecuación, reforzo e adecuación de gálibos, o tratamento das trincheiras e terrapléns. Tamén dera conta da situación naquel momento, que fora encargada a redacción do proxecto, e falara da renovación da superestrutura de vía no trazado completo actual, informando que estaba o proxecto en redacción. De la Senra informara, ademais, que se deberían suprimir os 36 pasos a nivel dando conta que estaba en fase de adxudicación o expediente para a redacción dos proxectos. Explicara, a este respecto, as actuacións para realizar en materia de electrificación, dando conta de que estaban os proxectos en fase de redacción.

 

E finalmente informou que estaba a se desenvolver o estudo informativo para definir as mellores alternativas en dous ámbitos: no tramo entre Ourense e Monforte de Lemos, a Variante dos Peares – Canabal; e, no tramo entre Monforte de Lemos e Lugo, a Variante de Rubián.

 

Todo cambiou coa chegada de Sánchez

Trala moción de censura de xuño de 2018 e a chegada ao Goberno de Pedro Sánchez tivo lugar o nomeamento de José Luis Ábalos como ministro de Fomento. A partir dese momento algunhas das actuacións anunciadas polo seu predecesor fóronse materializando, unhas antes, outras con demoras, pero das variantes non hai noticias. Recentemente, víronse licitacións de electrificación do tramo ferroviario entre Monforte de Lemos-Lugo, a mellora das instalacións de sinalización e telecomunicacións do tramo Monforte de Lemos-Lugo, a renovación de vía do tramo Monforte de Lemos-Lugo e a construción do túnel de Oural. “De todas estas actuacións, que levarán o seu tempo en ser executadas”, congratúlanse os deputados, “xa que ansían a modernización desta conexión ferroviaria, que os gobernos do PP contribuírn a deseñar e iniciar”.

 

Con todo, engaden, “preocúpanos a falta de noticias sobre a situación das dúas variantes antes aludidas que son esenciais para a mellora efectiva dos tempos de viaxe desta conexión e das que en maio de 2018 dicíase que iniciara o estudo informativo”.

 

Traballo do PP

Na actividade de control parlamentario, engade De Olano García Díez, “formulamos desde reiteradas preguntas ao Goberno nas que se nos contestou en febreiro de 2020 que “o MITMA contaba con os estudos informativos das variantes  redactados”, pero “máis dun ano despois aínda non foron sometidos a información pública” e agora en febreiro de 2021 “obtivemos unha resposta tan xenérica sobre estas variantes que nos procura moita inquietude e incerteza sobre o seu futuro”.

 

Sinalan os deputados que, ademais, rexistraron a solicitude de comparecencia do Secretario de Estado de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana, Pedro Saura para que compareza en Comisión no Congreso e informe ao respecto.

Ademais, rexistraron unha pregunta oral en Comisión e varias preguntas escritas, entre elas unha na que reclaman información sobre “se están activos ou suspendidos os contratos subscritos polo MITMA con INECO referidos ás Variantes dos Peares-Canabal e de Rubián, imprescindibles para a mellora da conexión ferroviaria entre Ourense-Monforte de Lemos-Lugo”.

 

As iniciativas do PP ao detalle

As iniciativas desenvolvidas polos deputados da formación popular na Cámara Baixa sobre a liña Lugo-Ourense foron as seguintes:

 

  • 30 de maio de 2019. Pregunta ao Goberno sobre que previsión tiña ADIF para concluír a redacción do proxecto de renovación total do tramo ferroviario Ourense-Monforte de Lemos-Lugo, incluíndo a parte das variantes inicialmente previstas dos Peares-Canabal e Rubián. 

 

O 11 de xullo de 2019 o Goberno responde: "En relación co asunto interesado, sinálase que os proxectos de adecuación e mellora da vía correspondente ao tramo Ourense-Monforte de Lemos-Lugo atópanse actualmente en redacción, cunha previsión de aprobación destes no verán de 2019. As posibles variantes atópanse en fase de estudo informativo”.

 

  • 12 de decembro de 2019. Pregunta ao ADIF para saber se xa estaba concluída a redacción do estudo informativo das variantes.

 

O 6 de febreiro de 2020 o Goberno responde: “Como resposta á pregunta formulada polas súas señorías, infórmase que o actual Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana conta cos seguintes estudos informativos redactados:

 

  • Variante ferroviaria Os Peares-Canabal (tramo Ourense-Monforte de Lemos da liña Monforte de Lemos-Vigo). Trátase dunha variante en vía única de 12 Qm aproximadamente, que permite un aforro de tempo máximo de 11 minutos e require un investimento na contorna de 530 millóns de euros.
  • Variante ferroviaria de Rubián (tramo Monforte de Lemos-Lugo da liña León-A Coruña). Trátase dunha variante en vía única de 19 Qm aproximadamente, que permite un aforro de tempo máximo de 12 minutos e require un investimento na contorna dos 440 millóns de euros”.

 

  • 11 de decembro de 2020. Formúlanse catro preguntas sobre estas variantes, interesándonos polo momento administrativo no que se atopan e sobre as datas que manexa Adif para a súa licitación.

 

O 10 de febreiro de 2021, o Goberno responde de forma conxunta ás catro preguntas dicindo: “En relación co asunto interesado, sinálase que a incorporación dunha nova liña ou tramo na Rede Ferroviaria de Interese Xeral require da aprobación dun Estudo Informativo”.