O PP urxe ao alcalde de Monforte a promover as obras de mellora e mantemento que son necesarias nos colexios Novo e Gándara

519c2588319b07905b8434aa145cfed3.jpg

PP de Lugo | 2020-02-13

A educación é, sen dúbida, un dos máis firmes piares sobre o que se asentan a liberdade e a prosperidade das sociedades. Que as infraestruturas nas que se imparten os distintos niveis formativos estean nas mellores condicións posibles é un dos requisitos para que o proceso educativo se desenvolva con comodidade, seguridade e eficacia. En Monforte, a xuízo do Partido Popular, tal condición non se da plenamente nalgúns edificios escolares. Por iso, os edís populares presentan unha moción para que o pleno da corporación municipal aprobe melloras nos colexios de ensinanza Infantil e Primaria. Ata agora parece que o goberno municipal presidido polo socialista José Tomé non se tomou demasiado en serio a súa responsabilidade no mantemento dalgúns centros.

 

A portavoz popular en Monforte, Katy Varela, sinala que os representantes do Colexio Novo trasladaron ao Concello a necesidade de ampliar a entrada lateral, para facilitar o movemento dos autobuses, de modo que os nenos non teñan que saír fora do recinto a coller o bus escolar. A actual parada carece de marquesiñas e, ademais, non existen beirarrúas, polo que os escolares poden correr perigo. Para a ampliación da entrada do recinto é necesario proceder a adquisición dalgunha das fincas contiguas.

 

Varela di que tamén se require un maior coidado da rúa Camiño da Barxa, que é a entrada dos autobuses e onde esperan os nenos. Xa se dixo que non hai beirarrúas nin marquesiña. Ademais, a maleza das fincas lindeiras invade a rúa. Outro requirimento do citado colexio é a limpeza da zona axardinada nas súas instalacións.

 

Por outro lado, Katy Varela destaca que o Colexio da Gándara requiriu en distintas ocasións o asfaltado da entrada polo leste, que é o acceso principal do centro. Ten enormes buracos, que foron causados polo paso de camións do Concello no ano 2016. A causa do mal estado do firme xa se produciron caídas. Igualmente, reclaman a limpeza exterior do centro, así como o inmediato arranxo das goteiras do pavillón grande.

 

A portavoz popular en Monforte lembra que a Lei Orgánica 02/2006 de Educación establece que “La conservación, el mantenimiento y la vigilancia de los edificios destinados a centros públicos de educación infantil, de educación primaria o de educación especial, corresponderán al municipio respectivo” . Por outro lado, o acordo firmado entre a Consellería de Educación e a Fegamp en canto aos centros educativos establece na cláusula cuarta as obrigas do Concello en cuanto a reparación, conservación e mantemento dos centros tanto no interior como no exterior dos mesmos.

 

Os populares queren que o pleno municipal acorde atender os requirimentos do Colexio Novo, en canto a anexión da finca necesaria para a obra de mellora, ou polo menos, comezar coa adaptación da rúa Camiño da Barxa de maneira que se constrúan beirarrúas na zona de estacionamento dos autobuses escolares. Tamén propón a instalación de marquesiñas e que se proceda á limpeza exterior e da zona axardinada do centro.

 

Igualmente, o PP quere un acordo plenario para que se atendan os requirimentos do Colexio da Gándara e se proceda ao arranxo do asfaltado do acceso principal, así como á limpeza do exterior do centro e ao arranxo das goteiras do pavillón grande. Tamén que se faga unha revisión exhaustiva do estado de conservación do centro de forma anual para evitar que as avarías se volvan máis graves.