O PSOE de A Fonsagrada négase a aplicar axudas dende o Concello para axudar aos autónomos e gandeiros a paliar a crise da covid-19

PP de Lugo | 2020-11-17

O Grupo Municipal do PSOE de A Fonsagrada négase a aplicar axudas dende o Concello para axudar aos autónomos e gandeiros do municipio a paliar os efectos da crise da covid-19. Así o expresaron no pleno municipal votando en contra da moción presentada polo Partido Popular e que ía, precisamente, encamiñada a artellar medidas que beneficien a este sector que, como é sabido, é un dos máis castigados pola pandemia.

 

O voceiro do PP, José Regueiro, reproba publicamente a actitude do goberno socialista, que, dalgún xeito, tamén foi refrendada polo Bloque Nacionalista Galego ao absterse na votación. “Non entendemos como se poden opoñer a algo así. Calquera dirixente, na época na que estamos, estaría a favor de axudar, a sabendas de que, a día de hoxe, o Concello non fixo absolutamente nada neste senso”, advirte.

 

“En Fonsagrada, engade Regueiro, imos tarde, mal e arrastro, xa que temos que constancia de que noutros lugares si que se sacaron axudas, como foi a redución ou exención de pagos de impostos como o IAE, o IBI, os das terrazas, os do lixo e a da auga, a venda ambulante, etc”.

 

“O goberno nin quere, nin fai nada”

Por este motivo, o Grupo Municipal do PP considera que “ao alcalde e aos socialistas do noso concello debería de caerlles a cara de vergoña cada vez que pasan por diante dun bar ou dun comercio que están pechados ou non saben como van facer para seguir abertos nos vindeiros meses”. “Esta é, apunta Regueiro, a única realidade, que o goberno local nin quere, nin fai nada para axudar, xa que, aínda que se tratase dunha moción do Partido Popular, nestes momentos debemos de deixar de lado as cuestións políticas e ir todos a unha que é o máis coherente, construtivo e necesario nestes momentos”, defende.

 

Co Plan Único

Para o voceiro do PP non resulta de recibo a negación do alcalde e do seu equipo, cando a través do Plan Único da Deputación, dotado con 436.000 euros, se poden destinar estes fondos a conceder axudas económicas para comerciantes, pequenos empresarios, emprendedores, etc.

 

A moción popular era moi concreta. Incluía as seguintes medidas: activación de axudas directas a empresarios, comerciantes, autonómos e gandeiros; activación de axudas económicas e formación a emprendedores; concesión de axudas directas os veciños para o impulso do comercio local; redución do pago a proveedores do Concello; e inversión nas familias e nas persoas máis vulnerables con poucos ingresos.