Regueiro pídelle ao alcalde corrixir o funcionamento da nova depuradora porque “verte augas residuais que poden supoñer un perigo para o medio ambiente e a saúde das persoas”

79b3976ccc62c7ba754bb63722e039da.jpeg

PP de Lugo | 2021-04-05

O voceiro do PP de A Fonsagrada, José Regueiro, critica “a mala xestión do goberno local en materia medioambiental” e pídelle ao alcalde que emprenda as xestións oportunas para corrixir a inseguridade que xera o funcionamento da nova depuradora de augas residuais que leva dous anos vertendo a fincas particulares que rexistran constantes malos olores e aparición de residuos.

 

O popular cre que “isto indica que a depuradora non procesa a auga correctamente, o que supón un perigo para o medio ambiente e para a saúde das persoas; xa que estas aguas desembocan en ríos dos que, probablemente, se serven varios núcleos de poboación para consumo e outros usos”. Así mesmo, “a falta do correcto tratamento desas augas pode causar contaminación fluvial e a conseguinte mortaldade dos peixes e o conxunto da fauna fluvial”.

 

“Antes da posta en funcionamento da depuradora, a auga que discorría polas fincas particulares era completamente limpa” porque se correspondía coas augas pluviais recollidas das marxes da estrada LU-721 ao lado da que se construíu esta nova dotación que agora verte augas que deberían ser limpas á mesma gabia onde se recolle a auga da chuvia”, segundo explica o popular.

 

Infraestruturas viarias en perigo

Regueiro esíxelle ao goberno local o correcto tratamento das augas residuais para evitar riscos medioambientais e para a saúde das persoas e tamén que, unha vez sexan vertidas, se recollan de forma que se evite o deterioro de infraestruturas viarias; porque “o aumento da cantidade de auga que discorre agora pola gabia pode supoñer un perigo para a súa conservación. É o caso da estrada autonómica que pode ver en perigo a súa estrutura ao filtrarse a auga entre as pedras e o terreo pola marxe da calzada”, segundo advirte Regueiro. Igualmente, o aumento do caudal fai anegar unha ruta de sendeirismo sinalizada e, nas épocas de fortes chuvias, tamén  provoca o asolagamento da estrada que une Fornos da Cal con Aula Verde.

 

O voceiro popular sinala que “malia non haber ningún núcleo de poboación próximo, o Concello conta cun colector do lixo nas inmediacións da depuradora e ao lado dunha arqueta polo que todo parece indicar que se depositan nel os residuos que se retiran da arqueta”. Polo tanto, “o goberno local é coñecedor do deficitario funcionamento da depuradora e, polo tanto, do risco medioambiental e sanitario”.