Os senadores populares piden explicacións ao Goberno sobre as consecuencias para os concellos do rural lucense do acordo para o uso dos aforros das entidades locais

f169f844b0362595cafe479dc9fdf1a6.jpg

PP de Lugo | 2020-08-06

Os senadores do PP lucense cren que o acordo sobre o uso dos aforros dos concellos marxina ao rural e, polo tanto, interésanse na cámara alta por coñecer as consecuencias para os concellos lucenses da proposta do Goberno sobre o uso dos remanentes de tesourería das entidades locais. “Queremos saber como afecta e en que prexudica ao rural da nosa provincia esta decisión do Goberno que saíu adiante na xunta de goberno da FEMP cos únicos votos a favor do PSOE e o voto de calidade do presidente, Abel Caballero”, manifestan.

 

Preguntan así mesmo os populares no Senado a canto ascende a cantidade total do remanente dos concellos en toda a provincia de Lugo; así coma o remanente de cada Concello de forma individual. E, nese sentido, cantos concellos da provincia quedan fóra do reparto dos 5.000 millóns de euros habilitado polo Goberno para ingresar ás entidades locais entre o 2020 e o 2021; pero só a aquelas que teñan entregado ao Executivo a totalidade dos seus remanentes de tesourería a 31 de decembro de 2019.

 

Censuran os senadores do PP esta decisión que “marxina aos concellos que non contan con remanentes ou que pecharon o 2019 con débeda”; xa que “non recibirán nin un só euro”. O Executivo central repartirá os fondos única e exclusivamente entre as entidades locais que se adhiran ao acordo; pero só poderán adherirse aquelas que teñan remanente positivo. As que teñan débeda deberán amortizala e, trala súa amortización, poden quedarse sen remanentes e, polo tanto, excluídas do fondo”, explican.

 

Trátase dun acordo “decepcionante e totalmente inxusto para as entidades locais” que “non poderán gastar este ano o seu remanente, debido a que estará nas mans do Goberno que non empezará a devolvelo ata o ano 2022”. Isto é máis grave aínda nestes momentos porque, segundo expoñen, “ante unha crise económica como a que estamos enfrontando, esta proposta do Ministerio de Hacienda non recolle ningunha posibilidade de investir os remanentes municipais en medidas de fomento e recuperación do emprego; senón que, pola contra, pon unha cuestión contable por enriba das necesidades dos cidadáns”.

 

Os senadores do Partido Popular tildan este acordo como “un espolio para os concellos e as deputacións” porque “dá vía libre ao Goberno central para facerse cos aforros municipais”.

 

Os populares condenan, ademais, que “este acordo sen consenso traizoa a vontade das entidades locais” que tiñan solicitado por unanimidade ao Goberno de España poder utilizar o 100% do seu remanente de tesourería para gastos xerais como recurso imprescindible, flexibilizar a regra de gasto, un fondo de 5.000 millóns de euros incondicionado para todas as entidades locais con atención especial a aquelas que non dispuxeran de Remanente de Tesourería ou consideradas en situación de risco financeiro; outro fondo para o sostemento do transporte público urbano colectivo e un terceiro fondo para a xestión do Ingreso Mínimo Vital.

 

Ataque á autonomía local

Para os populares este acordo que non goza do consenso habitual da FEMP destrúe a autonomía local recoñecida no artigo 137 da Constitución porque “obriga ás entidades locais a gastar o diñeiro recibido nunha lista de actuacións definidas polo Goberno”.