Os senadores do PP lucense piden explicacións a ADIF sobre o retraso na reapertura da liña ferroviaria León-Monforte afectada polo descarrilamento dun tren de mercancías

PP de Lugo | 2020-08-04

Os senadores populares lucenses piden explicacións a ADIF sobre o retraso na reapertura das liñas de ferrocarril afectadas polo descarrilamento entre as localidades ourensáns de Sobradelo de Valdeorras e Quereño o pasado martes 28 de xullo dun tren de mercancías que comunicaba Monforte de Lemos coa fábrica de cementos Cosmos en León. Os representantes do PP aseguran que “a falta de servizo supón un prexuízo para os usuarios da liña León-Monforte e, incluso, para os doutras liñas” e “un novo castigo para Monforte de Lemos que, nos últimos meses, coa escusa da pandemia viu reducido nun 80% os servizos ferroviarios que facían escala na estación local”.

 

Os populares explican que o propio Administrador de Infraestruturas Ferroviarias prevía restablecer o tráfico ferroviario en dous ou tres días trala retirada dos vagóns das vías, pero o pasado día 2 anunciou que o servizo non sería restablecido ata o día 17 – case tres semanas despois- alegando dificultades nos labores técnicos de retirada dos vagóns que poderían derivar na caída dalgúns ao río Sil.

 

Os representantes do PP lucense presentaron, neste sentido, varias preguntas ante a Cámara Alta para esixir a ADIF xustificación polo retraso da apertura das vías “cando a propia compañía podería ter vertido sobre o río Sil algúns vagóns descarrilados. Incluso a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil abriu unha investigación por estes feitos que atentan contra o medio ambiente e que foron descubertos grazas aos vídeos difundidos en redes sociais a través dunha conta ecoloxista: https://www.facebook.com/254088681364600/posts/2836347233138719/?vh=e&d=w”.

 

Os senadores populares da provincia de Lugo queren saber cando ten pensado ADIF reabrir finalmente as liñas afectadas e “cando vai deixar de prexudicar o Goberno central á provincia de Lugo dificultando as conexións por vía ferroviaria”.

 

Maltrato dos servizos ferroviarios da provincia que afectan ao turismo

“A interrupción do tráfico ferroviario na liña León-Monforte provocada por este descarrilamento volveu poñer de manifesto que o mantemento das infraestruturas e da maquinaria é deficiente; así coma que este tipo de avarías e accidentes son excesivamente frecuentes”, consideran.

 

É máis, por causa deste corte, durante case tres semanas no mes de agosto, en plena temporada estival, os pasaxeiros que viaxen entre Barcelona e A Coruña terán que circular por estrada entre Ponferrada e A Rúa, e os que viaxen a Vigo, entre Ponferrada e Ourense tamén terán que facer uso da estrada. “É evidente, polo tanto, que este feito dificulta as comunicacións e desincentiva o turismo nunha época na que se deberían facilitar ao máximo as condicións de acceso ao noso territorio”.

 

Os populares sinalan que “estes lamentables feitos súmanse á lista de maltratos aos que as entidades ferroviarias someten a Galicia en xeral e aos territorios de Monforte de Lemos e Valdeorras en particular”. Os senadores do Partido Popular recordan que “este corte nas liñas ferroviarias únese á supresión, por parte de Renfe, de máis dunha vintena de liñas de tren que afectan directamente a Monforte”.