“É especialmente grave coñecer que Tomé nunca solicitou as axudas da Xunta para a conciliación e a prevención da violencia de xénero dende que é alcalde”, afirma Julia Rodríguez

1bc7af62c22cbbbdd9ad422d9be2dae6.jpg

| 2018-09-07

É especialmente grave coñecer que Tomén nunca solicitou as axudas da Xunta para a conciliación e a prevención da violencia de xénero dende que é alcalde”. Así de contundente se manifesta a voceira dos populares de Monforte, Julia Rodríguez, logo de que a secretaria Xeral de Igualdade, Susana López Abella, lle confirmase este dato na Comisión parlamentaria celebrada no día de onte.

Neste senso, Rodríguez considera que “esta circunstancia rebela unha irresponsabilidade e unha falta de interese e sensibilidade do goberno local por traballar a prol da igualdade e contra a violencia de xénero cando se teñen producido, no que vai de verán, dous casos de agresións sexuais a menores no entorno familiar”. Isto reflicte para a popular que existe “un claro desentendemento” por parte dos socialistas e que “hai moito traballo por facer”.

Por tanto, a líder dos populares monfortinos defende que “se o Concello non ten solicitado estas axudas, a Xunta non é a responsable de non ter achegado financiamento a este tipo de programas”, e anuncia que, no vindeiro Pleno, se interesará polos motivos polos que o alcalde declinou a solicitude destas axudas.

Deste xeito, Julia Rodríguz desmente as declaracións da concelleira de Igualdade nas que aseguraba que a administración autonómica non lle concedía ao Concello de Monforte axudas en materia de igualdade e para a sensibilización contra a violencia de xénero. É máis, a popular destaca que “a secretaría xeral de Igualdade ten incrementado as axudas a entidades locais nos últimos anos”.

Máis de 460.000 euros dende o 2009

Os populares monfortinos poñen en valor que a Xunta achegue axudas ao Concello en materia de promoción de igualdade e prevención da violencia de xénero.

De feito, a voceira municipal do PP, Julia Rodríguez, destaca “os máis de 460.000 euros que o departamento autonómico achegou dende o 2009 ao Concello de Monforte para financiar o programa de apoio ao centro de información ás mulleres (CIM) que xestiona en solicitude agrupada xunto aos municipios de Bóveda, Pantón, A Pobra de Brollón, O Saviñao e Sober; e para os programas de fomento da conciliación e prevención e tratamento integral da violencia de xénero ata o 2014”. Dende o 2015, apunta a popular, “o Concello só solicitou axudas para o mantemento do Centro de Información á Muller que na anualidade do 2018 supuxeron unha achega de 46.398,28 euros”.

Actitude “machista” do alcalde

A voceira popular, Julia Rodríguez, asegura ademais que “as expresións que dirixe o alcalde e o seu portavoz ás portavoces da oposición denotan unha actitude machista que xa temos criticado en múltiples ocasións. Pero, aínda por riba, o feito de que, dende que é alcalde, deixara de pedir as axudas para programas de conciliación e prevención e tratamento da violencia de xénero reflicte unha falta de sensibilidade cara ás mulleres que sofren esta inaceptable lacra”.