O PP de Viveiro esíxelle ao Goberno local que “faga todo o posible” para a reparación inmediata da balaustrada nos xardíns Noriega Varela

af1d7b0bb470abce278923ff5bb5c293.jpg

PP de Lugo | 2019-09-04

O Grupo Municipal do Partido Popular de Viveiro esixe, a través da presentación dun rogo dirixido á alcaldesa e ao Goberno local do PSOE, a reparación inmediata da balaustrada nos xardíns Noriega Varela de Viveiro. “É necesario que fagan todo o posible para desbloquear a situación de precariedade na que se atopa o xardín e que se leven a cabo as actuacións que se consideren necesarias para a mellora desta situación. Sen máis demora”, puntualizan.

 

Os populares viveirenses anuncian, a este respecto, que, “en caso de que o equipo de Goberno local o considere necesario e sempre que os traballos sexan competencia doutras administracións, nos sumamos á petición para xestionar a súa reparación o máis pronto posible” co obxectivo de “procurar o ben do noso Concello e contribuír á mellora na calidade de vida e seguridade dos novos veciños e veciñas”.

 

Os populares sinalan que “o valado da balaustrada leva bastante máis dun ano con aspecto ruinoso” e, polo tanto, “ademais de amosar unha mala imaxe aos visitantes, supón un perigo para a seguridade de calquera persoa que se achegue ao lugar”.

A este respecto, os edís do PP recordan que “o xardín Noriega Varela é, pola súa localización no centro do pobo, un lugar moi concorrido tanto por viveirenses e visitantes”. É, para os primeiros, “un lugar de reunión ou o espazo idóneo para pasear” e tamén constitúe “un dos piares turísticos do municipio”. Pero, ademais, lembran que “acolle gran parte das nosas festas patronais entre outras moitas actividades que se realizan ao longo do ano para persoas de todas as idades”.

 

Dende o Grupo Municipal do PP de Viveiro preguntan aos responsables do Goberno municipal, concretamente, polo tempo que levan as vallas colocadas nos xardíns Noriega Varela e tamén polo seu coste diario. Así mesmo, interésanse por coñecer se existe un estudo técnico da situación actual da balaustrada ou se foron realizadas xestións ou trámites para proceder á súa reparación e, de ser así, en que situación se atopan a día de hoxe.

 

Plan de mantemento continuo de parques e xardíns

“O abandono do xardín Noriega Varela amosa o seu deterioro e a deixadez do Goberno municipal socialista ao respecto”, manifestan dende o PP viveirense lamentando “a falta dun plan de mantemento continuo de parques e xardíns”.